Vigo, 4 de agosto de 2010. O programa Vigo Folk comezará mañá, día 5 de agosto, coa actuación do gaiteiro vigués Álvaro Costas&Hot Band na Praza de Compostela (22:30 horas), segundo anunciou hoxe o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López. Na presentación do programa tamén participaron o presidente da Asociación Cultural Interfolc, Emilio Sotelino; e o director da escola Municipal de Danza, Wenceslao Cabezas del Toro, Polo.
O concelleiro nacionalista explicou que no momento da facer a programación da Semana Grande había unha intención de “utilizar espazos emblemáticos da cidade para a realización de programas diferentes, para cubrir un amplo abano de gustos, de forma que a xente poida ir paseando e quedarse no lugar que mellor se axuste ás súas preferencias”.
Desta forma, para o programa Vigo Folk o lugar onde se recollen a maior parte das actuacións é a Praza de Compostela, aínda que tamén haberá actuacións polos barrios e parroquias, así como animación na rúa polo centro da cidade.
Xesus López destacou o traballo da Asociación Cultural Interfolc, e en concreto de Sotelino e Polo, “teño que felicitalos polo grandísimo traballo que realizan ao longo de todo o ano no campo do folclore”, dixo ao respecto.
Vigo Folk comezará coa actuación de Álvaro Costas&Hot Band (día 5 de agosto, 22:30 horas). Álvaro Costas representa á nova fornada de gaiteiros galegos e chega acompañado pola Hot Band, formada por 4 músicos dirixidos pola batería Suso Costas. Sen dúbida acadan un son cosmopolita, que nos presenta a súa nova visión do folk celta-galego. Eles son enerxía, forza e frescura.
Ese mesmo día, comezará o Festival Folclórico Internacional, que traerá aos grupos internacionais Sol (Arxentina), Tent (Serbia), Chemida (Canarias) e Yunist (Ucraína), que actuarán tanto na Praza de Compostela, como en barrios ou no centro da cidade.
Emilio Sotelino agradeceu a estreita colaboración do Concello de Vigo na posta en marcha deste proxecto que “nos permite traer a grandes grupos internacionais e coñecer a súa cultura, tradicións, raza e os seus desexos de prosperar na súa vida”.
Pola súa banda, Polo falou sobre a XX Mostra do Traxe Tradicional Galego, que se celebrará o día 7 de agosto na Praza de Compostela (22:30 horas), que este ano presentará 29 modelos de todo o país. Entre as novidades da presente edición destacan os traxes de Danza de Hío, Darbo, Aldán e Guláns.
Na mostra participarán tamén a Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional do Concello de Vigo e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, que é o decano dos coros galegos e medalla de ouro de Galicia.
|